Na procura dunha experiencia... Presente e futuro das salas de cinema en Galicia tras a Covid

As actuais salas de cinema en Galicia ofrecen diferentes atractivos para a atracción e fidelización de público. Se durante a pandemia houbo espazos de proxección que pecharon definitivamente, outros continuaron ou acabaron reconvertendo a súa oferta e o seu espazo físico. Actividades paralelas, ciclos especiais, prezos atractivos, fórmulas cooperativas e outras vías de traballo abren posibilidades de permanencia aos espazos de proxección en pantalla grande.

Por Moncho Mariño | Santiago | 04/05/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As salas de cinema ocuparon espazos importantes dentro da vida cultural e sobre todo social tanto nas cidades como vilas medianas en Galicia. Chegados os anos 80 e 90 comezou un descenso de asistencia de público que prefería quedar na casa vendo a TV ou alugando filmes en formato vídeo, logo DVD e máis recentemente a posibilidade case infinita de acceso a creacións audiovisuais grazas ás plataformas dixitais. Aínda así, hai empresarios e grupos de traballo que deciden apostar en firme por unha oferta de cinema en sala xuntamente con outras iniciativas que poidan resultar tanto ou máis atractivas para o publico xeral ou para nichos concretos dentro do mesmo. Así nace a posibilidade de crear salas en lugares onde moi poucos empresarios apostarían e tamén salas vinculadas a proxectos máis amplos e multidisciplinares.

Butacas nunha sala de cinemas
Butacas nunha sala de cinemas | Fonte: E.P. - Arquivo

A ATRACCIÓN DO CINEMA
A comezos do século XXI as salas de cinema parecían ir caendo unha detrás doutra sobre todo nas vilas. A opción de ocio reducíase moito nestes lugares e así, apostar por levar adiante un proxecto de cinema con pantalla grande parecía máis ben unha cuestión moi arriscada. E aínda así, cunha crise económica e unha pandemia mundial polo medio, algúns proxectos resistiron e continúan.

“Coller o cinema da Estrada foi unha aposta forte mais perseverando e cunha oferta distinta, sobre todo para o público infantil, conseguimos seguir adiante” di Luis Rivadulla, propietario dos Minicines Central da Estrada. Á parte dos custos das obras de remodelación e os salarios para os traballadores había outros engadidos que “entorpecían” o desenvolvemento das salas cando Rivadulla e a súa parella decidiron reabrir as salas. “Até 2013 o cinema proxectábase en 35 milímetros, a partir de 2013 comezamos as proxeccións en dixital e a diferenza sentiuse moito entre o público”. Co celuloide había que esperar meses para poder estrear nunha vila logo de que o filme pasase polas cidades.

“Nós tivemos o primeiro proxector dixital en 2016 e durante a primeira semana achegouse un número elevado de público para ver 'El Libro de la Selva', logo en 2018 mercamos o segundo proxector”, describe Rivadulla. A dixitalización permitiu que o público puidese ver ver filmes contemporáneos e tamén clásicos do cinema mudo que, sorprendentemente, chama tamén polo público máis novo. “No noso caso debemos ter en conta que traballamos nunha cidade universitaria onde hai un público novo moi interesado en actividades culturais” di Xan Gómez Viñas, do cinema Numax en Compostela.

Por outra parte, ambas as experiencias, como outras que se abriron en Galicia posteriormente, teñen un elemento en común acorde coas novas políticas de economía de proximidade. “Somos un negocio sustentable por sermos de proximidade, até aquí vén xente de Santiago a quen lles ofrecemos unha atención moi personalizada” sinala Rivadulla. Un punto a favor son os prezos atractivos para as persoas que viven nas zonas radiais de Santiago. “Tivemos unha resposta moi positiva, a xente volveu ao cinema de sala no centro da cidade para ter unha experiencia compartida con outras persoas ademais de que é un negocio de barrio, de proximidade, onde o público se coñece entre si” di Gómez Viñas.

Unha sala de cinema ofrece "a posibilidade de ver un filme coa atención desconectada dos móbiles e electromésticos xunta moita outra xente coñecida ou descoñecida. Todo está disposto para que a experiencia sexa cómoda, íntima, excesiva e compartida en colectivo como en ningún outro espazo" explica Ramiro Ledo, de Cinema Dúplex de Ferrol.

 

CREAR NOVOS PÚBLICOS
Como se pode animar ás persoas para que sigan indo ás salas de cinema? “Xa falamos da atención personalizada, mais tamén pensamos nas familias con nenos e tamén unha maneira de achegar o cinema aos máis novos” explica Luis Rivadulla. “Moitas veces facemos sesións coas ANPAS dos colexios e se as distribuidoras o permiten, facemos descontos para este tipo de público”.

Doutra parte, “'Numax na Escola' é un catálogo aberto de filmes estreados xa na nosa sala ou proceden de distribuidoras especializadas en cinema infantil, non son filmes de estrea mais si son unha listaxe creada por nós” sinala Gómez Viñas. Este catálogo serve para que “dalgunha maneira o profesorado desenvolva o contido na aula, para iso créanse unidades didácticas e consideramos que a experiencia é moi boa, sobre todo para os máis pequenos”.

Aínda así, o esforzo de manter salas a día de hoxe é difícil "mantémonos abertos grazas aos apoios impulsados nos últimos anos polos gobernos municipal, autonómico e estatal, ademais de por cada persoa que merca unha entrada" sinala Ramiro Ledo describindo o traballo detrás de cada día que abren as portas. E a seguinte pregunta que xorde é se existen apoios públicos para a apertura de salas e a resposta é "non existen axudas públicas para abrir salas como Dúplex".

Este tipo de salas e de proxeccións permite ademais a exhibición de filmes que xa son patrimoniais desde os 80, 90 e a década dos 2000. Recupéranse así para públicos máis novos clásicos que non puideron ver no seu momento de estrea ou non os viron con anterioridade. E todo isto desde un intento de achegar cinema de barrio outra vez ao público dentro dun xeito de consumo de proximidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

Que quere dicir a expresión : "e se as distribuidoras o permiten, facemos descontos para este tipo de público (ANPAS)" ? Acaso non é o propietario da sala o que decide o prezo ? Son efectivamente as "distribuidoras" as que teñen o prezo en 9 € ? De calquera xeito agora temos un Ministro de Cultura disposto a regalar 12,5 M€ en invitar aos vellos de 65 anos pagando 2€ tódolos martes a ver cine... Non sei eu que pensarán os rapaces novos deste enchufe para pensionistas ? Eu sempre pensei que se baixaran os prezos existiría moitísimo máis público nas Salas de Cinema (pero vai ser coma o aceite que canto máis sube más demanda ten...?) Cousas Veredes...

1 Ferroviario

Hai ofertas de cine a 6,20 euros,con determinadas tarxetas. e desde logo 9 euros non é un prezo habitual. E non é certo, para nada, que " se baixaran os prezos" iría "moitísimo" mais público ao cine, porque o públioc fiel ao cine tampouco e masivamente maioritario, por desgracia,claro. A xente non deixa de ir ao futbol, ainda que coste, mínimo, 30 euros.

2 Gamela

Se as entradas fosen arredor dos 5 € penso que habería moitos máis rapaces novos nas salas de cine... Pero os prezos están entre 8 € e os 2€ do Ministro Urtasun https://www.cinestamberlick.com/foo... De calquera xeito a miña pregunta sigue sendo se os prezos dependen das Distribuidoras ou dos propietarios das salas ? Obrigado